Dende a súa formación a finais do ano 2009, o coro Miñoca ma non toppo (baixo a dirección de Ángel A. Montes) mostrou un gran interese en manter viva a tradición coral. Aínda que o seu punto de partida é o CMUS Profesional de Vigo, foron sumándose a este proxecto persoas achegadas ao centro; na actualidade está composto por alumnos e antigos alumnos, pais e nais, amigos, profesores… e un longo etcétera de persoas interesadas no canto coral.
Posúe un variado repertorio que inclúe dende música sacra occidental, espirituais, música tradicional galega e europea cun ámbito que abarca dende o Renacemento ata a actualidade.
Miñoca ma non toppo ofreceu varios concertos no auditorio David Russell, destacando a súa participación na entrega de premios do I Concurso de Harmonización coral Vogaliza, interpretando as obras finalistas. Tamén ofreceu concertos benéficos en colaboración coa ONG Intermón Oxfam e na parroquia de San Antonio de La Florida, en Vigo.
En xuño de 2010 ofrece un concerto no Club Náutico de Vigo, que xunto coa interpretación dun recital ao aire libre na céntrica rúa do Príncipe completan as súas actividades en solitario nese ano.
En 2011 partipa nun encontro coral organizado pola agrupación Máximo Gorki, levado a cabo no auditorio do IES San Tomé (Vigo).
No 2012 ofrecen un concerto en colaboración cos alumnos de canto do Conservatorio Profesional de Música de Vigo xunto a profesores do mesmo centro, interpretando o Stabat Mater de Pergolesi e a Cantata BWV 158 de J.S.Bach.
Entre as súas actividades cabe destacar o concerto ofrecido tanto no CMUS Profesional de Vigo, pertencente ao II Ciclo de Concertos en beneficio da asociación Autismo Vigo, como na capela do Colexio Maristas de Tui, en colaboración coa Orquestra Xove 430 e as solistas Indra Sesti (soprano) e Sonia Bouzada (mezzosoprano) interpretando o Gloria de A. Vivaldi.
Participou en intercambios corais xuntos cos coros dos Conservatorios Profesionais de Santiago de Compostela e Pontevedra e colaborou no proxecto Un río de música pola paz, xunto a outros coros e a Orquestra Xove 430.
No pasado ano 2016 ofreceu un concerto solidario a favor de Destino Uganda, no cal se recadou roupa, mantas e material musical, ademáis de doazóns monetarias para custear o envío da recadación ao país.
Todos os anos comparten o tradicional concerto de Nadal na Igrexa San Antonio de La Florida cos coros do CMUS Profesional de Vigo, en colaboración con Cáritas.
Neste ano 2017 veñen de participar coa Banda de Música “Lira” de San Miguel de Oia, Coral Polifónica “Lira” de San Miguel de Oia e Coral Polifónica de San Lorenzo de Belesar nun concerto de Música Sacra onde, entre as obras interpretadas, estaba a Missa Brevis do compositor Jacob de Haan.
Na actualidade conta cunha plantilla de 45 cantores e segue baixo a dirección de Ángel A. Montes.